Alternativa Galega de Esquerda denuncia o
lamentable estado de conservación ao que a Xunta de Galicia ten condeados a
dous centros escolares da provincia de Pontevedra, CEIP Rosalía de Castro (O
Grove) e CEIP O Cruceiro (Vilalonga- Sanxenxo). Os deputados, Xabier Ron e
Ramón Vázquez, visitaron hoxe ambos colexios onde puideron comprobar de
primeira man acompañados polas directivas e representantes da ANPA as
importantes deficiencias existentes en ambos centros causadas polo continuado
incumprimento das promesas por parte do goberno galego.
Un sinxelo paseo polo primeiro dos centros
visitados, CEIP Rosalía de Castro no Grove, é máis que suficiente para
decatarse do deterioro das instalacións con paredes desconchadas, cuartos de
baño vergoñentos, buratos no chan, portas que abren para dentro incumprindo a
normativa de seguridade nos centros, e goteiras no pavillón de deportes que
impiden o seu uso na maior parte dos días de choiva. Trátase dun centro onde a
Consellería de Educación aprobara un plan de obras en tres fases. A primeira e
segunda incluía o arranxo dos problemas no interior das instalacións, unhas
obras que comezaron pero non remataron deixando por exemplo os cuarto de baño
sen tocar e nun estado lamentable. A terceira fase centrábase no pavillón algo
que xa a Consellería de Educación informou ao centro que non se vai executar
por falta de cartos o que impide o uso do mesmo xa que tal e como informou a
propia directiva os días de choiva é imposible realizar calquera tipo de
actividade pola acumulación de auga no chan e outros días, o profesor vese
obrigado a pasar a fregona antes de iniciar as clases.
O propio conselleiro de Educación, Jesús
Vázquez, visitou en dúas ocasións o centro, curiosamente sempre en época pre
electoral, insistindo no compromiso da Xunta para executar estas obras. Agora,
pasadas as eleccións esquécense as promesas e o anuncian que o centro
continuará sen amañar.
O segundo dos centros visitados polos
deputados de AGE, o CEIP O Cruceiro de Vilalonga (Sanxenxo) o deterioro, as
deficiencias e os incumprimentos por parte da Xunta de Galicia repítense. O
goberno galego anunciou hai seis anos a construción dun novo centro escolar
ante o mal estado do actual e a día de hoxe non só seguen a esperar o inicio
das obras senón que a xustificación que lles dan desde a Consellería de
Educación é que aínda non conseguiron os terreos despois de asegurar en
repetidas ocasións que o tema estaba xa arranxado. Problemas no sistema
eléctrico, goteiras, malos olores a causa das deficiencias na canalización,
problemas de accesibilidade, son algúns dos problemas cos que teñen que
convivir todos os días ante o silencio e a inacción da Consellería de
Educación. Proba do abandono ao que o goberno galego ten condeado fai
referencia as obras de instalación do cableado necesario para que o centro se
sumase ao proxecto Abalar que tiveron que ser realizadas de xeito altruista por
un empresario que ante a negativa da Xunta de Galicia a executar esta obra cun
custe aproximado de 3.000 euros, ofreceuse a facelo el gratuitamente en
beneficio dos nenos e nenas do centro.
Ante esta vergoñenta situación á que o
conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, condea a sufrir aos alumnos e alumnas
destes centros de educación infantil e primaria, Alternativa Galega de Esquerda
presentará unha serie de iniciativas parlamentarias instando ao goberno galego
a cumprir as súas promesas, levando a cabo as obras de mellora no pavillón do
CEIP Rosalía de Castro e solucionando o resto de deficiencias, e a iniciar de
xeito urxente as obras de construción do centro no caso do CEIP O Cruceiro de
Vilalonga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario